Espacio Infantil
Somos un novo concepto de espazo infantil onde acompañamos ós nenos e nenas no desenvolvemento de tódalas súas competencias cognitivas, motoras, emocionais, afectivas, interpersoais e intrapersoais a través do xogo, a convivencia e a experiencia.
Todo isto, nun ambiente familiar cuidadosamente preparado, situado nunha contorna natural e rural.
Aplicamos unha metodoloxía lúdica onde espazos, materiais e tempos son empregados para favorecer o xogo entendido como forma de desenvolvemento persoal e grupal.
As actividades serán programadas en función dos intereses e as motivacións dos nenos e nenas, empregando o xogo como eixo metodolóxico. Isto supón no día a día, o respeto ás necesidades, ritmos e capacidades de aprendizaxe dos nenos e nenas que sen xuízos, atopa no xogo libre e na curiosidade sen límites a base para poder adquirir os coñecementos.
Neste proceso a figura dos acompañantes é clave, que sen anticiparse nen dirixir as accións dos nenos e nenas, axúdanlles a establecer normas básicas de convivencia, identificar as súas emocións e a expresalas ós demais. Os coñecementos adquírense partindo das súas propias inquietudes, así permíteselles buscar respostas ás súas preguntas fomentando a súa autonomía. Deste xeito, e tendo en conta os diferentes ritmos e procesos madurativos de cada persoa, independentemente da súa idade, conséguese unha educación afectiva onde os xuízos externos e as esixencias basadas nas expectativas adultas quedan descartadas.
Non existe separación por idades, có que se pretende que os nenos e nenas máis pequenos aprendan dos maiores. Éstos, ó mesmo tempo, conseguen desenvolver a paciencia necesaria para atender as súas necesidades e comproban a utilidade de compartir coñecementos e experiencias. Entendemos que é un enrequecemento mútuo.